FESTA FOLC 2007

Velaquí tedes de novo a Festa Folc de Vilariño ; oito anos de festa, oito anos en que á praia da nosa aldea chega a música, nomeadamente a música galega, e que vén acompañada da troula para mozas, mozos e maiores e dun serie de actividades culturais que se irán desenvolvendo ao longo dunha semana do mes de agosto, do 11 ao 18.E coma sempre cómpre comezarmos esta oitava edición da Festa Folc  lembrando aqueles que fixeron que a pasada edición fose un éxito. De primeiro, os tres grupos que actuaron no concerto: Brandania, troula céltica dende Canarias, Ruxe-Ruxe, orghullo punk dende Aríns-Compostela e a mornura dos lisboetas Terrakota, todas e todos eles fixéronnos gozar arreo.E tamén temos que agradecer a todas as empresas, locais e persoas que botaron unha man, dun xeito ou outro, para darlle pulo á Festa. Pero sobre todo, a todas e todos os que asististes ás actividades e ao concerto, polo voso apoio, por virdes todos os anos e saberdes facer a festa connosco.Nesta oitava edición, a Festa Folc volve ollar para Galiza. Despois de viaxar polo Atlántico, de Canarias a Irlanda, de Lisboa a Vilariño, O Gato namorou dunha vacaloura, -sentiu a saudade-, e volve traer ao escenario da praia catro grupos da terra. Os gaiteiros de Treixadura e mais o Orfeón, o poder da gorxa traballada polo zume deses bagos que lles dan nome. Freetanga, veciños de Liméns que decidiron chimpar para o escenario e mirar como é que se vive a Festa alá enriba. Os Guezos, folc  ourensán que ha traer o sabor da esmorga até a praia e para rematar, a Compañía do Ruído, dende Ribeira, non sabemos se virán en dorna ou en furgoneta, que se vai presentar para  o que mellor sabe: facer a festa. Non queda máis que vos convidar a virdes máis unha vez, ao cinema, aos contacontos, ao serán, ás regueifas, ao concerto do día 18 e pasalo ben connosco na praia de Vilariño.